parallax background

O Roi Xordo

ROI XORDO

O CAFÉ CANTANTE GALEGO DO SECULO XXI


Tradicionalmente un café cantante era un local de lecer que complementaba o seu servizo de café e restaurante coa posta en escena de espectáculos populares. Tiveron especial auxe a partir de mediados do século XIX e, en xeral, eran salóns amplos con servizo de mesa, decorados con espellos, cadros, carteis e un pequeno escenario de madeira onde os artistas ofrecían os seus espectáculos.

O ROI XORDO de Allariz recolle esa esencia para ofrecer un ámbito de diversión no que os servizos de hostalería se combinan cun escenario preparado para a actuación de artistas do noso país que atopen en Allariz un lugar para agasallarnos cas súas creacións.

No ROI XORDO poderás degustar abundantes almorzos, unha coidada selección de tapas para xantar ou cear e tamén cociña “a desora” para aqueles que queiran romper a tradición dos horarios. Pero sobre todo no ROI XORDO queremos que atopes un lugar para quedar, para estar, para conversar, para rir.

ROI XORDO

A mediados do s. XV, unha onda de terror estendíase por terras dos Andrade na comarca de Ferrol. A xente humilde era continuamente maltratada ou asasinada. Os seus poucos bens, saqueados coa máis absoluta impunidade. Todo empeorou aínda máis cando a casa dos Andrade pasa a estar liderada por Nuño Freire, novo señor desas terras. Tal era a crueldade da personaxe que lle puxeron o alcume de “O Mao”.

É entón cando aparece ROI XORDO disposto a loitar para rematar con tanta inxustiza. En 1431 lidera un levantamento popular contra os señores feudais e organiza ao pobo na coñecida Irmandade Fusquenlla. ROI XORDO e os seus seguidores marchan cara á fortaleza de Moeche na que se resgardou “O Mao”. Este, asustado e desbordado pola situación, foxe a Compostela buscando a protección do arcebispo.

O exército irmandiño non se achanta e decide marchar sobre Compostela no que se coñeceu como primeira revolución irmandiña.
Os soldados de Compostela eran profesionais e conseguiron romper o asedio do exército Irmandiño. Pouco despois os Irmandiños son derrotados e ROI XORDO morre na represión posterior desatada polos señores feudais. Pero o seu exemplo e determinación seguen vivos hoxe.